Saltar ao contido

Os Lusíadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Lusíadas
Portada da primeira edición de Os Lusíadas.
Título orixinalOs Lusíadas
Autor/aLuís de Camões
OrixePortugal Portugal
Linguaportugués
Tema(s)historia de Portugal, Descubrimentos portugueses e Descoberta do caminho marítimo para a Índia
Xénero(s)Poema épico
Data de pub.1572
editar datos en Wikidata ]

Os Lusíadas é unha epopea en lingua portuguesa de Luís de Camões, publicada por vez primeira en 1572, tres anos despois do regreso do autor de Oriente. Componse de dez cantos, con número variable de estrofas, que son na súa maioría oitavas decasílabas suxeitas a un esquema rítmico ABABABCC-. É unha das mellores epopeas do Renacemento.

Etimoloxía e significado da obra

[editar | editar a fonte]

O nome de Os Lusíadas significa "os fillos de Luso". Segundo a lenda, os portugueses descenden de Luso, fillo do deus Baco, que conquistou polas armas un territorio que despois será Lusitania, ou sexa, Portugal. A palabra foi creada polo humanista André de Resende, e Camões empregouna por primeira vez en portugués. Este nome colectivo indica claramente que o suxeito épico do poema non é un home concreto, senón o pobo portugués.

Composición da obra

[editar | editar a fonte]

Publicada en 1572, consta de cento dúas oitavas repartidas entre dez cantos. O tema sobre o que se artella a obra é a primeira expedición de Vasco da Gama a Oriente, aínda que o propósito último do autor é cantar a gloria do imperio portugués, en xeral, por iso é polo que no relato da gran viaxe insírese o pasado da patria (que ocupa máis dun terzo do libro), e as xestas do conquistador representan unicamente unha anécdota na historia do país.[1]

A trama - Unha viaxe

[editar | editar a fonte]

O poema comeza cando xa os navegantes se atopan no océano Índico. A continuación refírense as aventuras anteriores, dende a desembocadura do Texo, ao longo das Canarias, Cabo Verde, Serra Leoa, República Democrática do Congo, o extremo de África e a punta oriental deste continente, unha travesía marcada por innumerables avatares (como a epidemia de escorbuto que causa moitas baixas entre os mariñeiros).

Continúan logo cara a Mozambique, onde os musulmáns sáenlles ao paso, aparentemente con boas intencións. O almirante recibe entón ao xeque na nave, pero á inicial relación amigable pronto se suman envexas e temores, polo que os portugueses pon rumbo a Mombasa. Sorpréndelles unha treboada no mar, que amaina pola mañá e permite ao buque arribar ás costas de Calicut -a actual Calcuta-, a maior das cidades de Malabar (na India). En Calicut repítese a experiencia de Mozambique e os conquistadores, tras eludir as emboscadas, conseguen fuxir en dirección a Lisboa. No seu camiño de regreso, Venus condúcelles -como premio ás súas fatigas- a unha illa paradisíaca: este constitúe un dos episodios máis vivos do poema. Embarcan de novo e xa sen deterse chegan a Lisboa cun único tesouro: a noticia do descubrimento.

No poema, os elementos fabulosos de corte clásico mestúranse cos episodios históricos: ademais da aparición da deusa Venus, os mariñeiros caen en brazos das nereidas (deidades do mar), semellantes ás sereas de Ulises; aparece tamén unha ninfa que profetiza a historia futura das Indias Orientais (a profecía é tamén outro elemento da epopea clásica); e Xúpiter alude aos navegantes portugueses como descubridores de novos mundos, igual ca Ulises e Eneas.

  1. "The Lusiads". World Digital Library. 1800-1882. Consultado o 2013-09-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]